CRTVG

Buscar

Os padexeiros galegos pelexarán pola clasificación olímpica desde este mércores

Publicado o 20/08/2019 21:18

Se Teresa Portela logra a clasificación olímpica, os de Toquio serán os seus sextos Xogos, un logro que non conseguiu nunca unha deportista española. A de Cangas necesita acabar entre as cinco primeiras para asegurar xa a presenza española en Toquio na proba do K1 200. "Xa estou en Hungría, no campionato do mundo. Era o obxectivo deste ano poder estar aquí e tentar loitar pola clasificación olímpica", dixo a canguesa

O de Hungría será o décimo quinto mundial de Teresa Portela. Con 37 anos, xa subiu 14 veces ao podio dun campionato do mundo. A padexeira galega non perde o espírito competitivo: "Con ganas, con ambición de poder empezar a competición, de ver como me atopo, como están as rivais. Aínda que o ano que vén quedaría unha praza no preolímpico, todo pasa por tentar conseguir estes días a praza e a clasificación, que sería realmente un soño."

A delegación galega é a máis numerosa da historia. Dos 49 deportistas españois que participarán neste mundial de distancia esprint e paracanoa, 15 naceron en Galicia e outros tres máis teñen licenza galega ao defender as cores do Kayak Tudense.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/08/2019