CRTVG

Buscar

Os Orzamentos galegos destinarán máis do 70 % a gasto social

Publicado o 17/10/2021 21:06

As contas para Galicia de 2022 centrarán a reunión deste luns do Consello da Xunta. Nela darase luz verde ao anteproxecto duns orzamentos autonómicos que, segundo a previsión, superarán os 11.500 millóns de euros, aínda que será mañá cando se desvele a cifra concreta.

Desagregando os grandes números, un 71 % do orzamento, ou, o que é o mesmo, máis de 8.500 millóns de euros, irá destinado a gastos sociais, que inclúen loxicamente a educación e a sanidade. Esta última, a saúde, é a partida que implica un maior desembolso con diferenza.

"Vai ter unha parte importantísima todo o que ten que ver coa sanidade pública. Case a metade dos orzamentos, coma nestes últimos anos, pero é necesario para ter uns servizos sanitarios de calidade, moito máis despois da pandemia. Despois tamén irán dirixidos a estimular a iniciativa privada, que ao final é o que fai funcionar a economía dun país e en Galicia queremos que siga sendo así", sinalou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Este domingo transcendía que o anteproxecto dos orzamentos galegos prevé un crecemento para Galicia no seu PIB dun 6 % para este 2021 e o ano próximo, medio punto máis do que aparecía reflectido no teito de gasto para este ano.

Canto ás novidades xa coñecidas que van aparelladas cos orzamentos, figuran a gratuidade da educación infantil ata os tres anos e as baixadas de impostos, tanto no treito autonómico da renda coma en patrimonio e transmisións patrimoniais, entre outros. Son datos desvelados esta semana polo presidente da Xunta no debate parlamentario do Estado da autonomía.

Noticias web

17/10/2021