CRTVG

Buscar

A maioría do PP rexeita as emendas á totalidade da oposición ás contas da Xunta

Publicado o 18/11/2019 21:07

• Os orzamentos para 2020 superan o penúltimo trámite

• A Xunta teme que o Goberno deixe sen pagar 370 millóns

Galicia será unha das primeiras comunidades do Estado en ter presupostos para o ano que vén. Esta tarde superaron unha fase máis logo de que o grupo popular rexeitase as emendas á totalidade presentadas pola oposición. Nelas propoñían aumentar os ingresos da Xunta para ter máis capacidade de gasto. Hai que lembrar que os orzamentos para 2020 ascenden a 10.314 millóns de euros, os máis altos da última década. 

Tamén entra na última fase de tramitación a Lei de acompañamento dos orzamentos que modifica ata 30 leis. A oposición criticou a utilización que a Xunta fai de este procedemento que permite introducir reformas legais sen dabate previo.

A maioría absoluta do PPdeG no Parlamento de Galicia rexeitou este luns as emendas á totalidade presentadas por toda a oposición aos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2020, que, deste xeito, continúan coa súa tramitación.

As contas da autonomía para 2020 presentan cunha capacidade de gasto de 10.149 millóns de euros, un 3 % -uns 300 millóns- máis que no presente exercicio, cun gasto social que ascende ata os 7.400 millóns de euros e 82 millóns repartidos entre distintas áreas para afrontar a preparación do Xacobeo 2021.

"Queremos que Galicia sexa un antídoto ao bloqueo estatal, presentando uns orzamentos que queren mellorar a vida dos galegos do ano 2020, pero tamén comezar a planificar a próxima década", apuntou o conselleiro de Facenda da Xunta de Galicia, Valeriano Martínez, durante a súa intervención ante a Cámara galega.

Neste sentido, o conselleiro defendeu a "estabilidade de Galicia" e que a comunidade é "un sitio distinto", xa que "os cuartos presupostos desta lexislatura mostran o caso único de Galicia, que encadea 40 orzamentos seguidos".

Ante a "inestabilidade do Estado", Martínez entende que a obriga da Xunta "non é outra que transformala en seguridade, certeza, confianza e orgullo para os galegos", tendo en conta que "non hai maior seguridade para cidadáns, familias e empresas que saber que en Galicia haberá de novo un orzamento".

Por outra banda, o conselleiro tamén destacou que o modelo da Xunta "se basea en fortalecer o crecemento económico con menos déficit e menos débeda", así como por "menos impostos", unha cuestión que se plasma no orzamento para 2020 coa exención do imposto de sucesións ata o millón de euros por herdeiro.

Outras novidades pasan pola rebaixa do imposto pola compra de vivenda usada "no 94 % do territorio galego", así como pola redución do imposto sobre transmisións patrimoniais (ITP) do 7 ao 5 % na compra de vivenda habitual, mentres que pasaría do 10 ao 6 % no resto de compras de vivenda, "co obxectivo de fixar poboación no rural".

A oposición, pola súa banda, mostrouse moi crítica con diversos aspectos dos orzamentos, desde o modelo fiscal ata a importancia que se lle dá ao Xacobeo 2021, así como coa execución orzamentaria ou a previsión de crecemento.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, apuntou que os orzamentos "non dan unha resposta adecuada aos retos de Galicia", como "o impulso ao crecemento económico, a diminución das desigualdades, a creación de emprego ou o reforzo dos servizos públicos". Neste sentido, Fernández Leiceaga acusou a Xunta de ser "incapaz de facer o esforzo necesario para soster os elementos necesarios do Estado de Benestar" a pesar "dos seis anos de crecemento ininterrompido no conxunto do Estado", así como de insistir en fórmulas "regresivas e ineficaces" despois de "dez anos de recortes".

O portavoz do Grupo Común da Esquerda no Parlamento de Galicia, Manuel Lago, acusou a Xunta de ter "posicionamento fiscais reaccionarios", tendo en conta que presenta rebaixas "en impostos que gravan a riqueza e o patrimonio", o que sitúa o PPdeG "xunto a algúns dos seus socios". "Nestes orzamentos vexo a un PPdeG desesperado, que padece a síndrome de crer os seus propios argumentos falsos e, se un non coñece a realidade, non a pode transformar", apuntou Lago, quen espera que a "onda de cambio no Estado" dea lugar a "un Goberno de esquerdas de 2020 que deixará como triste recordo a década negra de Feijóo".

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou a Xunta de "repetir mentira tras mentira e conto tras conto coa esperanza de que non recoñezamos a verdade", así como de "contar o conto" de que presentar orzamentos "é algo excepcional e que converte a este Goberno autonómico en algo heroico", cando é "o normal". "Os orzamentos do PPdeG para 2020 son un retrato dun Goberno fracasado, sen ideas e sen proxecto de futuro, que deixan unha Galicia peor tras dez anos de xestión cunhas políticas que son como malas herbas: non deixan florecer a Galicia", proseguiu.

Por último, o portavoz do Grupo Mixto, Luís Villares, denunciou que estes "son os orzamentos dun Goberno que cre na derrota de Galicia", á vez que evidencian "un presidente illado da realidade socioeconómica", tendo en conta que "omite por completo as transformacións que debemos afrontar". "O plan deste Goberno, co seu negacionismo das emerxencias feminista, social e ambiental, non vai acorde á realidade deste país”, proseguiu Villares, quen tachou de "delirante e autodestrutiva" a xestión económica da Xunta, á que responsabiliza dunha "implosión demográfica" que "non é a enfermidade, senón o síntoma".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí