CRTVG

Buscar

Os oncólogos acordan abordar de forma específica o cancro na idade adolescente

Publicado o 06/06/2019 15:20

Estímase que cada ano diagnostícanse en España uns 500 tumores malignos a adolescentes. Estímase porque, na actualidade, non se inscribe no rexistro oficial nin o 20 % dos cancros que afectan este grupo, cuns límites de idade difusos, entre a infancia e a idade adulta. Por primeira vez, as catro sociedades médicas relacionadas coa oncoloxía póñense de acordo para abordar, de forma específica, o cancro na adolescencia.

Marta Lloret, coordinadora do grupo de adolescentes na Sociedade Española de Oncoloxía Radioterápica, explica que "ata agora, todo foron grupos de traballo onde se incluían este tipo de pacientes dentro do dos nenos, e decatámonos de que había diferenzas".

Diferenzas, por exemplo, respecto da idade infantil, nos tipos de tumores que lles afectan máis e na súa evolución. Os cancros máis habituais, detalla a presidenta da Sociedade Española de Oncoloxía Pediátrica, Ana Fernández-Teijeiro, son os de "tiroides, tumores xerminais, sobre todo testiculares, logo linfomas, sarcomas, tumores cerebrais e leucemias". Engade Lloret que "xa se está empezando a recoñecer que hai tipos de leucemias que se comportan de maneira diferente á dos nenos".
E diferenzas, tamén, nos tratamentos máis axeitados, porque ante os cambios físicos e psicolóxicos rotundos da adolescencia é necesaria unha abordaxe específica. "O adolescente ten tratamentos moi largos nos que hai que prestar atención á súa educación e ao seu contorno de amigos".

No que se cre que non hai diferenzas respecto da pediatría é no índice de supervivencia, de arredor do 80 %. De aí que outro aspecto a abordar sexa un seguimento posterior que garanta o mínimo impacto dos efectos secundarios do tratamento.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/06/2019