Prisión provisional sen fianza para os oito detidos polo alixo de cocaína en Ourense
o xuíz manda a prisión os oito detidos na operación na que se incautaron de máis de 400 quilos de cocaína. Os arrestados son colombianos, ecuatorianos e galegos.
O xuiz decretou prisión provisional comunicada e sen fianza para os oito detidos nesta operación aque aínda segue aberta. De feito non se desbota que haxa novas detencións nas próximas horas, e por iso o titular do Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía decretou o segredo do sumario.Poucas cousas se saben ata o momento. Só que hai oito detidos en tres países diferentes, algúns deles en Galicia e en concreto dous son de Vilagarcía. Comisáronse 430 quilos de cocaína que entraron polo porto de Leixões, en Portugal, e cruzaron a fronteira ata un almacén de froita de Ourense. Son os poucos detalles que se filtraron dunha operación en que participaron as policías de Portugal, Ecuador, Colombia e España.
Desde as doce e media estiveron prestando declaración no Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía da Arousa os detidos na operación antidroga que se desenvolveu simultaneamente en Colombia, Ecuador e Galicia. En Galicia hai detidos no Salnés e en Ourense pero en total son 8 os prendidos. A operación continúa aberta e poderían producirse novas detencións nas próximas horas. Por esta razón, está decretado o segredo de sumario co fin de evitar que se poidan producir filtracións que estraguen o traballo feito ata o de agora.
Entre os escasos datos confirmados están que a droga incautada chega aos 430 quilos de cocaína.
As detencións fixéronse de xeito simultáneo e coordinado tras meses de seguimentos en que o Grupo de Resposta contra o Crime Organizado de Galicia colaborou coas policías colombiana e portuguesa. Investigaban o traslado do alixo, que chegou entre caixas de froita ao porto de Leixões, en Portugal, desde onde o transportaron por estrada ata unha empresa froiteira do polígono ourensán de San Cibrao.
Foi alí onde os axentes destaparon a operación. Detiveron o dono da empresa e outras dúas persoas das que non transcendeu a identidade. Tamén se investiga se o incendio que sufriu a antiga nave en outubro do ano pasado foi intencionado.