CRTVG

Buscar

Os odontólogos recomendan lavar as mans antes de manipular o cepillo de dentes

Publicado o 05/08/2020 20:43

Mentres dure a pandemia, os odontólogos inciden na necesidade de lavar as mans antes de manipular o cepillo de dentes.

Ademais, din que é conveniente desinfectalo despois de cada uso. O mellor é gardalo para que non estea en contacto cos dos outros integrantes da unidade familiar, para evitar a contaminación cruzada de Covid-19.

"Hoxe en día, ter os cepillos todos xuntos é un risco porque se unha persoa da casa pode ter contaxio do virus, pode ser positivo, se os cepillos están moi próximos poden pasar o virus a través do cepillo", advirte Pablo Varela.

Tamén sinalan que hai que proceder ao cepillado de dentes habitual durante polo menos dous minutos, dúas ou tres veces ao día. Destacan que é moi importante limpar a lingua.

"A través do tecido epitelial da lingua e da farinxe é onde hai receptores para que se adhira a película que cubre o virus. Entón é moi importante limpar a lingua", afirma Pablo Varela.

Nas clínicas dentais tamén están a seguir uns protocolos máis estritos dos habituais. Entre eles, a utilización de EPI ou de lámpadas ultravioletas para desinfectar o aire da sala tras cada consulta.

"Dende logo, nós no noso traballo con todas as medidas que temos estamos supertranquilos. Eu estou máis seguro aquí traballando que fóra de aquí", di Varela.

Para os pacientes é obrigatorio o uso de xel hidroalcólico e calzas para entrar na clínica.

Noticias web

05/08/2020