Os novos ERTE beneficiarán máis as empresas que ofrezan plans de formación
Os novos ERTE entrarán en vigor en novembro: ata entón, seguirán funcionando os actuais. O principal cambio nos que veñan despois é que haberá incentivos á formación. Así por exemplo, a unha empresa de máis de 10 traballadores acollida a un ERTE váiselle perdoar o 40% das cotizacións sociais. Pero se promove cursos para os empregados, esa exoneración será do 80%.
José Luis Escrivá, ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, explicou que fan "para que estes traballadores que están no último período de percorrido destes ERTE poidan adquirir novas cualificiacións e o fagan dentro das empresas".
Con todo, os sindicatos cren que un mes é pouco tempo para que as empresas organicen plans de formación.
Pepe Álvarez, secretario xeral da UXT, cre que "as empresas medianas ou pequenas non van estar preparadas para poder facelo".
Os empresarios celebran sobre todo que os novos ERTE cheguen ata o 28 de febreiro, un mes máis do proposto en principio polo Goberno.
Antonio Garamendi, presidente da CEOE, ve positivo que duren "ata que empece máis ou menos a Semana Santa, nos sectores máis afectados, hoteis, axencias de viaxe, de transporte de turistas, hostalería, ocio nocturno, todos sabemos que son meses malos".
Haberá ERTE específicos para as empresas afectadas pola erupción da Palma. Ademais, o Goberno aprobou unha primeira partida para comprar 107 vivendas para os damnificados.
Isabel Rodríguez, voceira do Goberno, explicou que "será unha subvención directa do Estado de 10,5 millóns de euros, para atender a compra directa de vivenda e tamén para adquirir produtos de primeira necesidade".
Como estaba previsto, o Goberno tamén aprobou a suba de 15 euros do salario mínimo con efectos retroactivos desde o 1 de setembro.