CRTVG

Buscar

Os novos contaxios retroceden en Bélxica e contéñense en Alemaña

Publicado o 04/11/2020 14:43

Por primeira vez nos dous últimos meses, Bélxica rexistra un descenso constante de novos contaxios por coronavirus.

Aínda que segue tendo a incidencia máis alta de toda Europa, a media semanal retrocedeu un catro por cento.

Esta tendencia á baixa parece confirmar que funcionan as restricións progresivas adoptadas nas últimas semanas, entre outras, o toque de recollida nocturno e peche da hostalería.

A partir desta semana paralizáronse tamén as actividades non esenciais, pero os efectos non se notarán ata finais da que vén.

Pola contra, continúan aumentando os ingresos hospitalarios.

Na veciña Alemaña, os novos infectados por covid-19 son algo máis de 17.000 nas últimas 24 horas e 151 falecidos máis.

Por cuarto día consecutivo, os novos contaxios mantéñense por baixo do máximo rexistrado o pasado sábado. A incidencia acumulada nunha semana sitúase nos 115 casos por cada cen mil habitantes en todo o país.

A Cámara dos Comúns británica vota este mércores se valida o confinamento en Inglaterra aprobado polo executivo de Boris Johnson para conter a segunda onda da pandemia.

A partir deste medianoite e ata o próximo 2 de decembro deberán pechar as súas portas os pubs, os restaurantes, os ximnasios e os comercios que vendan produtos non esenciais, pero permanecen abertas as escolas e as universidades.

Noticias web

04/11/2020