Os novos contaxios en España elévanse aos 263 no último día, catro deles en Galicia

O Ministerio de Sanidade notificou este martes 263 novos positivos nas últimas 24 horas, en comparación cos 164 do luns, o que sitúa en 256.619 as persoas que se infectaron polo novo coronavirus.
Ata 2.325 persoas iniciaron síntomas de Covid-19 nas dúas últimas semanas, das que 803 o fixeron nos últimos sete días.
Así mesmo, o departamento que dirixe Salvador Illa notificou 8 mortes con Covid-19 nos últimos sete días, tres máis que o luns, elevándose a cifra total de falecidos desde o inicio da pandemia a 28.409.
Por outra banda, o informe publicado por Sanidade mostra que 11.721 persoas ingresaron nunha Unidade de Coidados Intensivos (UCI), 11 nos últimos 7 días; e 125.797 precisaron hospitalización, 165 na última semana.
Aragón é a comunidade con máis casos notificados nas últimas 24 horas (81), seguida de Cataluña (66), Andalucía (26), Madrid (25), Castela e León (15), Estremadura (11), Navarra (11), Comunidade Valenciana (9), Asturias (5), Galicia (4), as Canarias (3), A Rioxa (2),as Baleares (1), Castela-A Mancha (1) e País Vasco (1).
Repartición por comunidades dos casos
En total, en Andalucía xa se diagnosticaron a 13.540 persoas con Covid-19; en Aragón a 6.945; en Asturias a 2.442; en Baleares a 2.271; en Canarias en total deron positivo en PCR 2.461 persoas; en Cantabria 2.375; en Castela-A Mancha 18.393; e en Castela e León 19.826.
Así mesmo, en Cataluña rexistráronse 65.429 casos; en Ceuta 163; na Comunidade Valenciana 11.831; en Estremadura 3.202; en Galicia 9.461; en Madrid 72.695; en Melilla 126 casos; en Murcia 1.760; en Navarra 5.606; no País Vasco contabilizáronse xa a 13.989 persoas positivas nas probas PCR; e na Rioxa 4.104.
Repartición por comunidades dos falecidos
Respecto ás mortes, en Andalucía xa faleceron 1.435 persoas; en Aragón 915; en Asturias 334; nas Baleares 224; nas Canarias 162; en Cantabria 216; en Castela-A Mancha 3.030; e en Castela e León 2.793.
Ademais, 5.677 persoas faleceron en Cataluña como consecuencia do coronavirus; en Ceuta contabilizáronse 4 falecidos desde o comezo da pandemia; na Comunidade Valenciana 1.432; en Estremadura 519; en Galicia 619; en Madrid 8.442; en Melilla 2; en Murcia 148; en Navarra 528; no País Vasco 1.563; e na Rioxa 366.