CRTVG

Buscar

Os novos casos aumentan a menor ritmo en España, pero hai máis ingresos hospitalarios

Publicado o 20/07/2021 18:47

• Castela A Mancha continúa sendo a única comunidade que non está en risco extremo

• España atópase entre os tres primeiros países da UE con máis poboación coa pauta completa

EUROPA PRESS

As comunidades autónomas notificaron este martes ao Ministerio de Sanidade 27.286 novos casos de COVID−19, 16.418 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Estas cifras son inferiores ás do mesmo día da semana pasada, cando se notificaron 43.960 positivos.   

A cifra total de contaxios en España elévase xa a 4.189.136 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais. A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 622,41, fronte a 599,69 onte. Nas pasadas dúas semanas rexistrouse un total de 295.337 positivos.   

No informe deste martes engadíronse 29 falecementos, en comparación con 13 o martes pasado. Ata 81.148 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recolleitos polo Ministerio. Na última semana faleceron 67 persoas con diagnóstico de COVID−19 positivo confirmado en España.   

Actualmente, hai 6.856 pacientes ingresados por COVID−19 en toda España (6.482 onte) e 1.116 en UCI (1.039 onte). Nas últimas 24 horas, producíronse 1.286 ingresos (1.069 onte) e 925 altas (346 onte). A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase no 5,73 por cento (5,42 % onte) e nas UCI no 12,23 por cento (11,42 % onte).   

Entre o 10 e o 16 de xullo, as comunidades autónomas realizaron 1.151.508 probas diagnósticas, das cales 694.528 foron PCR e 456.980 tests de antíxenos, cunha taxa global por 100.000 habitantes de 2.448,65. A taxa total de positividade sitúase no 15,47 por cento, fronte ao 15,13 por cento de onte

Darias aposta pola cultura do coidado

A ministra de Sanidade asegurou na conferencia de prensa tras a Interterritorial de Sanidade que é imprescindible "facer da cultura do coidado a nosa máxima prioridade no día a día". Entre outras cousas, falou da variante delta, que será a predominante nas vindeiras semanas.

Para loitar contra o aumento dos contaxios, Darias asegurou que é a vacinación a que marca a diferenza. Apuntou que, dos casos notificados nas últimas cinco semanas, o 5,5 % tiña a pauta completa, o 11,4 % tiña unha dose e o 83,1 % estaba sen vacinar. A ministra dixo que estes datos reflicten a porcentaxe de eficacia das vacinas, que se sitúa ao redor do 90 %.

Ademais, o Goberno continúa co obxectivo de ter o 70 % da poboación española vacinada antes de que remate o mes de agosto. Esta semana inoculáronse 3,4 millóns de doses. O 62,2 % da poboación ten unha dose e o 51,3 % ten a pauta completa.

Noticias web

20/07/2021