CRTVG

Buscar

Os notarios poden tramitar expedientes matrimoniais desde o pasado 30 de abril

Publicado o 12/05/2021 20:25


Os notarios podían celebrar vodas desde o 2015. Pero a partir do pasado 30 de abril, as notarías tamén poden tramitar os expedientes matrimoniais. Ata o de agora, este trámite só podía facerse nos rexistros civís. Esta nova competencia dos notarios, aínda que ten un pequeno custo, vai facilitar moito os trámites para os contraíntes.

 "O expediente matrimonial era competencia exclusiva dos letrados do rexistro civil, letrados da administración de xustiza e a partir do 30 de abril entra en vigor xa con carácter definitivo a Lei do Rexistro Civil, na cal vai ser unha competencia compartida", di o decano do Colexio de Notarios de Galicia.

Desde que entrou en vigor, o Colexio de Notarios xa ten rexistradas corenta solicitudes de expediente matrimonial, un requisito obrigatorio para casar en España. A súa finalidade é comprobar que os contraentes reúnen todos os requisitos legais

 "Trátase de que o notario aprecie que os futuros contraentes teñan a capacidade e ao mesmo tempo comprobe a inexistencia duns impedimentos, tanto de idade coma de parentesco, para poder celebrar o matrimonio, así como calquera outro obstáculo que se puidese dar", sinala o decano do Colexio de Notarios de Galicia.

A celebración de matrimonios ante notario experimentou un crecemento constante. Desde a súa entrada en vigor en 2015, as notarías casaron mil duascentas vinte e oito parellas en Galicia, e 41.500 en toda España.

Noticias web

12/05/2021