CRTVG

Buscar

Os notarios asesorarán na firma de hipotecas coa nova Lei de crédito inmobiliario

Publicado o 09/06/2019 15:06

Mercar unha vivenda e asinar unha hipoteca é un paso importante na vida de moitas persoas. A nova Lei de crédito inmobiliario entra en vigor a partir do 16 de xuño e suporá, a grandes trazos, reforzar a protección do consumidor na fase previa á sinatura dun préstamo hipotecario. Para iso, contarase coa figura dos notarios.

"Primeiro dan proba da veracidade dos documentos, do asesoramento que prestamos, de que o cliente comprende a información que se lle facilitou", di Inmaculada Espiñeira, notaria.

Nunha primeira cita, o profesional elixido contestará as dúbidas que o consumidor poida ter, cun asesoramento gratuíto.

"Que é unha taxación, que é un interese variable, que ocorre se ten unha carencia no préstamo?"

E todo iso: os feitos comprobados, as preguntas do consumidor e as explicacións do notario quedarán por escrito nunha acta notarial.

Unha segunda cita será xa na fase contractual. Reúnense ante o notario os vendedores, os representantes do banco, o comprador e o prestatario. Incorpórase deste xeito ao noso ordenamento xurídico unha directiva europea.

"Europa o que quere é que o consumidor non se apure, que sexa axudado nesa reflexión por unha persoa imparcial que saia dicindo firmei un préstamo, é algo que ata moito e teño un cabal coñecemento das consecuencias económicas e xurídicas disto que firmei".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/06/2019