CRTVG

Buscar

Os nenos poderán dar "paseos curtos na contorna do fogar a non máis dun quilómetro"

Publicado o 22/04/2020 19:46

A falta da confirmación oficial, que se agarda en breve, un documento sometido a debate polo executivo recolle que os nenos poderán saír dende as oito da mañá ata as dez da noite para dar un paseo de non máis dunha hora de duración.

Será obrigado que se produza no entorno próximo da súa residencia, como máximo a un quilómetro de distancia. Cada adulto poderá acompañar ata a tres cativos cos que conviva. Deberá ser responsable deles. Os menores poderán correr, saltar e facer exercicio tendo en conta sempre as medidas de afastamento social. Segue prohibido o acceso a parques, zonas infantís e demais instalacións que se considere que poidan favorecer o contaxio da COVID-19.

Con esta nova norma búscase garantir que os nenos poidan saír con seguridade e dar co equilibrio entre os criterios epidemioloxicos e os dereitos dos menores.

O secretario de Estado de Dereitos Sociais, Nacho Álvarez, explicou que os nenos poderán saír a dar "paseos curtos" e "na contorna do fogar". Os nenos poderán correr e saltar, pero non montar en bicis nin monopatíns, segundo engadiron fontes deste departamento. Álvarez defendeu que o ministro de Sanidade, Salvador Illa, "concretou" este martes pola tarde a medida anunciada tras o Consello de Ministros porque é un Goberno "que escoita" e "reacciona" ante a "demanda" da sociedade.

Nun primeiro momento anunciouse que os menores podían ir só ao supermercado, á farmacia ou ao banco, acompañando un adulto, e despois rectificouse para dicir que se lles permitiría saír a dar un paseo a partir deste domingo. "É a posibilidade de algo que creo que todos estabamos a desexar, necesitando e constatando, unha vez que se comproba epidemioloxicamente que se pode facer, que saian a realizar paseos curtos, con prudencia, na contorna do fogar, é o que o Goberno decide, que é un Goberno que escoita, que debate e reacciona", asegurou Nacho Álvarez este mércores 22 de abril.

Álvarez puntualizou que estas medidas son parte dun plan que xa viñan traballando a dirección de infancia do Ministerio de Dereitos Sociais co Ministerio de Sanidade, en que se contemplaba a saída dos menores para dar paseos curtos. Preguntado sobre o motivo polo que o Goberno expuxo unha medida pola mañá e cambiouna pola tarde, o secretario de Estado achacouno a que "a sociedade demandou maior concreción".