CRTVG

Buscar

Os nenos dun colexio de Vigo reforestan os montes queimados

Publicado o 19/10/2018 15:28

Os montes de Vigo acolleron un acto simbólico de rexeneración dos montes queimados. A iniciativa partiu dos propios rapaces do colexio de Coia Escultor Acuña. Os cativos plantaron nos seus colexios landras e coidaron os carballos durante todo o ano, os trinta mellores exemplares plantáronse hoxe no monte de Valadares, un dos máis afectados pola vaga de incendios do ano pasado.

Os mil cincocentos escolares  de varios centros públicos de Vigo que participaron nas actividades fixeron tamén unha aperta simbólica aos montes da cidade desde o miradoiro dos Pozos.

Mil cincocentos cativos de oito centros escolares de Vigo cultivaron estas landras nos seus hortos escolares, coidáronas con mimo durante todo o ano pasado, leváronas á casa no verán e hoxe, un ano despois dos terribles incendios do ano pasado, os trinta mellores exemplares plantáronse no monte de Valadares, onde comezou o incendio.

A idea foi dos propios nenos e da comunidade escolar viguesa, que quixeron canalizar a rabia que sentiron cando viron as lapas preto das súas casas e do seu bosque.

Estes cativos tampouco esquecerán nunca que as trinta primeiras árbores deste novo bosque foron plantadas por eles, con bastante implicación e ilusión, aínda que ás veces non con demasiado xeito.

Ademais da plantación dos trinta carballos, os cativos espalláronse logo polo monte dos Pozos de Valadares e deron unha aperta simbólica ao marabilloso anel verde que rodea a cidade de Vigo.

Noticias web

19/10/2018