CRTVG

Buscar

Os nenos de Ames volven elixir churrasco con patacas fritidas para o menú de fin de curso

Publicado o 12/06/2019 18:49

Coa debida formalidade, os representantes do pobo elector comparecen ante a prensa en pleno comedor escolar. Falan da súa xornada electoral: "Estabamos nunha ringleira no patio e dábannos un papeleta e tiñamos que cubrir o que queriamos". "Eu, churrasco con patacas fritidas e xeado". "Eu votei pizza de xamón e queixo".

Había máis de mil votantes no censo. Co cento por cento escrutado, a pizza quedou segunda por só trinta votos. Gañou o churrasco con patacas fritidas.

"Normalmente as patacas fritidas non as toman nunca aquí no comedor", sinala a cociñeira.

Votaron contentos. Pero son eleccións e hai que respectar o gañador. E a quen non lle guste o churrasco... "Ten que comelo e xa está. A min pasoume coa pizza", din os nenos. E subliña a técnica de Nutrición do Concello: "Hai un resultado da súa votación, para ben e para mal".

Toda unha lección de democracia. E tamén un exercicio de transparencia. "Fíxate: vota pizza e xeado de corte". Nada comparable ás eleccións municipais e ao secretismo do voto do pai. "Eu fun con el e intentei rexoubar por aí... Pero nada". Este neno confesa que pretendía espiar algo: "O que votaba".

Iso si, aquí o primeiro prato do menú de fin de curso escólleo a nutricionista: "Ensalada mixta". Preguntámoslles se quererían votar todo o ano. E responden: "Só de cando en vez, porque se non comeriamos todo o que quixeramos e non sería moi equilibrado". Sabedoría de cidadáns democraticamente maduros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/06/2019