CRTVG

Buscar

Os navegantes fenicios viñan desde o Mediterráneo oriental ata Galicia na busca de estaño

Publicado o 11/03/2019 16:43

Galicia está empezando a poñerse no lugar que lle corresponde na ruta dos Fenicios, un dos grandes itinerarios culturais europeos. As escavacións dos castros da costa galega revelan o grande intercambio comercial que houbo con estes navegantes do Mediterráneo.

Durante case mil anos os fenicios dominaron o comercio marítimo. Desde os seus portos base, no que hoxe é O Líbano, chegaban ata o Atlántico Norte. Traían viño e aceite e volvían cargados de metais, en especial un que abundaba en Galicia e que resultaba clave naquela época.

José Suárez Otero, arqueólogo: "O estaño é un metal estratéxico porque é necesario para facer o bronce e é un metal sumamente escaso".

Achados coma o deste santuario púnico, descuberto durante as escavacións do Museo do Mar de Vigo, evidencian que o intercambio de produtos, saberes e costumes propiciado polos navegantes mediterráneos foi intenso e durou case un milenio. Cada vez máis investigadores poñen o foco nesta parte menos recoñecida da nosa historia.

José Suárez Otero, arqueólogo: "Independentemente de que quen estivese aquí fose celta ou non o que si estaba era en contacto co mundo exterior e o mundo exterior nese momento era o Mediterráneo, que era quen dominaba".

A creación de itinerarios polos lugares significativos desa época e a recente incorporación de Galicia á ruta dos Fenicios pretenden axudar a que esta parte da nosa historia se coñeza mellor.

José Suárez Otero, arqueólogo: "É unha ruta que abarca todo o Mediterráneo... Galicia e o marco atlántico poderían integrarse aí coa ruta das Casitérides, a do comercio que había na busca do estaño. É importante para nós porque tamén nos proxecta cara ao exterior".







 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/03/2019