O veleiro apresado con 2.800 quilos de cocaína permanece amarrado no peirao de Bouzas
• Hai cinco persoas arrestadas de distintas nacionalidades
• Buscan os narcos galegos que ían descargar droga do barco
Segue aberta a operación Midas-Ballestrinque contra o narcotráfico que rematou coa detención de cinco persoas. O cargamento de cocaína, 2.800 quilos que transportaba o veleiro Goldwasser, foi aprehendido en mar aberto e a descarga da droga fíxose no peirao de transtatlántico de Vigo. Os corpos de seguridade dan por desartellada a cúpula da organización.
A abordaxe da embarcación que transportaba a droga produciuse a 480 millas ao norte das illas dos Azores hai oito días, nunha operación longa, duraba desde 2019, e conxunta da Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria. Amurar o buque de operacións especiais Petrel ao veleiro foi moi complicado.
Un total de 90 fardos de 2.800 quilogramos de cocaína converten esta captura en mar aberto nunha das de maior entidade e cantidade das últimas décadas. Ademais da droga que ía na adega incautáronse de 34.600 euros.
Cinco persoas detidas
No propio veleiro detiveron dúas persoas, unha norteamericana e outra da República Dominicana. Ao tempo, o GRECO da Costa Sol detiña en Málaga tres homes, dous holandeses e un sueco, o núcleo duro deste grupo criminal.
O veleiro ía cara á Costa do Sol. Supostamente, nalgún punto do camiño varios narcotraficantes galegos descargarían parte da cocaína e traeríana a Galicia nas súas embarcacións para distribuíla a Europa. O temporal frustrou o plan.
Relacionan os narcos galegos con organizacións criminais suecas e holandesas. A droga descargouse no peirao de transatlánticos do porto de Vigo ante unha comisión xudicial. Horas despois, xa esquilmado, foi levado ao peirao de reparacións de Bouzas, onde permanece.