Recomendan vacinarse do sarampelo aos adultos
É unha desas enfermidades infantís que moitos dos que agora son adultos recordan da súa etapa escolar. Manchas encarnadas na pel, febre e debilidade eran os síntomas da doenza. Na xeración dos nacidos entre o 68 e o 81 hai persoas sen inmunizar, ben porque non pasaron a enfermidade ou porque non puxeron a segunda dose da vacina. Aqueles que non saiban do seu historial médico, deben vacinarse agora. É unha decisión que se tomou despois dos andazos que se produciron en países veciños como Portugal.
"Este era un país, o noso, que estaba libre de sarampelo. Houbo algúns casos nos últimos anos pero non un rexurdimento. Isto é unha medida para intentar poñer unha barreira de protección para que non se desenvolva un andazo aquí no noso país", di Javier de la Fuente Aguado, presidente da Sociedade Galega de Medicina Interna.
Quen debe atender con especial atención esta alerta e vacinarse se non o está é o persoal sanitario. No seu contacto cos pacientes poden transmitirlles a infección.
"En xeral é unha enfermidade molesta pero non mortal, agás nos que denominamos grupos de risco, que son pacientes con medicación inmunodepresora ou transplantes. Aí si que poden ter complicacións máis graves", di Javier de la Fuente Aguado, presidente da Sociedade Galega de Medicina Interna.
No caso das persoas sas que poidan estar sen inmunizar chega con acudir ao seu médico.
"Achégase un ao centro de saúde, sen ningunha présa, que non estamos nun estado de urxencia, con toda tranquilidade. En caso de dúbida, unha segunda dose non lle fai ningún dano e dálle unha protección adicional", di Javier de la Fuente Aguado, presidente da Sociedade Galega de Medicina Interna.
Os datos da Organización Mundial da Saúde, do ano 2017, cifran en 112.000 as mortes producidas por esta doenza, que, na súa maioría, se dan en países subdesenvoltos, cunha poboación infantil desnutrida e enferma.