Os mozos voluntarios de La Estación volverán arranxar o lavadoiro da Estrada
Os veciños da Estrada e especialmente os próximos ao lavadoiro de Leicures estaban encantados co traballo que fixeron hai un ano os mozos da asociación La Estación. Deixaron a zona dos lavadoiros, ata entón con aspecto de abandono, convertida nun espazo limpo e agradable. Pero algúns do botellón estragaron e devolveron isto case ao estado primitivo. E os voluntarios de La Estación anuncian que van contraatacar como saben, produtivamente.
Alonso de la Cantera, presidente de Ocionautas e director do centro xuvenil La Estación: "Nós temos a premisa de que non nos rendemos ante o vandalismo. Non importa cantas sexan as veces que o vandalismo vén a este sitio ou a calquera outro onde traballamos, sempre atacaremos de volta. O único xeito de paralo é que os mozos produtivos non se rendan ante os vandálicos. Hai vándalos, que pasan de todo e os produtivos. En La Estación fomentamos os mozos prudutivos, ata o punto de que foron eles mesmos quen viron o problema neste espazo e quen propuxeron os mecanismos para recuperalo. E volverémolo facer unha e outra vez. Non nos cansamos nunca".
A desfeita que agora vemos neste espazo atribúese a mozos improdutivos. Para darlle a volta ao panorama intervirán outros, tamén mozos. Guialos cara á función adecuada a eles é o que marca a diferenza de conduta, segundo nos din Alonso e Annie.
Annie Sánchez, secretaria e apoio de titoría na asociación xuvenil La Estación di: "Parte desa improdutividade é froito dunha frustración por non sentirse adaptados, non ter un espazo en que desenvolver as súas afeccións... E cremos firmemente que cando se lles dá a oportunidade a mozas e mozos de facer o que lles gusta e se valoran a través das súas propias ferramentas elas e eles buscan a motivación interna e é doado que pasen de mozo vándalo ou improdutivo a produtivo. Ás veces é simplemente cuestión de encaixalos na función adecuada".
Tarefas como volver converter este espazo nun lugar limpo e agradable está entre as moitas accións sociais que desenvolven os mozos voluntarios estradenses coordinados na asociación vencellada a Ocionautas.