CRTVG

Buscar

Cambio climático: actuar hoxe para que haxa un mañá

Publicado o 17/02/2020 15:10

Mentres que o temporal azouta media Europa, na Antártida rexistráronse temperaturas superiores aos 20 graos, algo inaudito que ten particularmente preocupados os científicos. 

Pero a preocupación polo cambio climático chega xa a toda a sociedade. Hoxe estivemos nun instituto en que falaron deste tema.

Preocupación porque este xaneiro foi o máis cálido da historia: "Dura máis o verán, e agora estamos no inverno pero vai máis calor".

Preocupación porque perciben que o clima non é o de sempre.

"Isto, se non o freamos a tempo, pode ser catastrófico nun futuro non moi afastado".

Preocupación por unha temible conta atrás.

"Igual non vivo para cando pase, pero non sei...".

Un medo real, un medo que existe.

"Si, porque se pode acabar o planeta".

E arredor do problema e as solucións xirou o diálogo no instituto Santa Irene de Vigo.

"Para o ano 2030 temos que frear certos episodios para que non se supere ese grao e medio de temperatura porque senón as consecuencias poden ser catastróficas", dixo a conselleira Ángeles Vázquez.

Toman nota os mozos da urxencia do desafío e das medidas a tomar xa.

"Eu reciclo, pero nada máis". "Paréceme fatal que a xente tire plásticos ao mar, que matan os peixes e todo".

Con todo, aínda hai quen nega o cambio climático.

"Tamén hai xente que segue pensando que a terra é cha".

Un sorriso a favor dunha verdade xa innegable.

"Debemos afrontalo para que o mundo non se destroce". "Cando algo rompe, tento reparalo no canto de tiralo".

Pois a ver que nos dá tempo a reparar.

Noticias web

17/02/2020