CRTVG

Buscar

Os motivos económicos poderían estar detrás do suicidio dun home que matou a súa nai en Cuenca

Publicado o 14/07/2019 14:49

Os primeiros datos que poderían esclarecer o suceso acontecido nunha vivenda de Casas de Benítez, unha pequena localidade no sur da provincia de Cuenca, comezan a saír a luz. En principio, apuntan a cuestións económicas.

No serán de onte, nunha das vivendas escoitábanse varios disparos. A residente atopaba mortos pouco despois o seu home, de 58 anos, e a nai deste, de 89, con feridas de arma de fogo na testa.
Cada corpo estaba no seu respectivo dormitorio. A Garda Civil barallou dende o principio a hipótese de que o home matou a súa nai cunha escopeta e que, a continuación, puxo fin á súa vida disparándose a si mesmo. A veciñanza está conmocionada polos feitos.

O tenente de alcalde da localidade, Samuel Mondéjar, asegurou que non esperaban o acontecido: "Eran veciños do lugar de toda a vida, veciños exemplares, traballadores, sen problemas nunca con ninguén. Tiñan amizade con toda a xente do lugar, é algo inexplicable".

A investigación contempla que o suposto parricida tiña problemas económicos e, segundo algunhas informacións, o suceso puido iniciarse cando o home lle pediu cartos a súa nai e esta se negou a entregarllos.

A corporación municipal declarou tres días de loito oficial, así como a suspensión das festas da localidade que se celebraban esta fin de semana. A Garda Civil mantén aberta a investigación.

Noticias web

14/07/2019