CRTVG

Buscar

Os Mossos desartellan unha célula xihadista en Barcelona e deteñen 14 persoas

Publicado o 15/01/2019 13:02

Desartellada unha suposta célula xihadista no centro de Barcelona e en Igualada. Os Mossos d'Esquadra teñen en marcha unha operación contra unha banda liderada por cinco alxerianos, algúns deles con antecedentes por delitos comúns. Hai polo menos 14 detidos. 

A operación Alexandría, da que os Mossos están a informar a través de Twitter, é froito dunha longa investigación que iniciaba hai máis dun ano a Comisaría Xeral de Información, tutelada polo xulgado central número 6 da Audiencia Nacional. Por un lado, hai unha parte da investigación por delitos de terrorismo e por outro, unha peza separada por delincuencia común. 

O operativo policial, con máis de cen axentes de diferentes unidades, iniciábase a primeira hora de hoxe en Barcelona e Igualada. Durante toda a mañá producíronse ata seis rexistros en diferentes vivendas, cinco deles no barrio da Ciutat Vella, onde se produciu boa parte das detencións por delitos de terrorismo, contra o patrimonio, saúde pública e organización criminal. Os sospeitosos están supostamente vencellados á delincuencia común e aos roubos con violencia a turistas. A policía investiga se o grupo tiña vontade e capacidade real para atentar. 

Noticias web

15/01/2019