CRTVG

Buscar

Os monfortinos gozan dende hoxe de autobús urbano gratuíto

Publicado o 03/02/2020 14:04

Monforte estreou un novo servizo de autobús urbano, o primeiro de toda Galicia que é totalmente gratuíto para os usuarios. Dispón de 36 prazas e está adaptado para as persoas con discapacidade funcional.

"Ao principio non o cría, pero agora é realidade. Paréceme moi ben que puxeran o autobús urbano de balde", di Pilar Sánchez, xerente da empresa concesionaria.

"Excepto o itinerario, cambia todo. É gratuíto, para o condutor é moito máis cómodo porque non ten que perder tempo en cobrarlles aos pasaxeiros, e é un autobús totalmente adaptado, moito máis accesible e moito máis cómodo", asegura Antero Carbalo, condutor de autobús.

"É máis rápido porque non hai que dar as voltas. Simplemente contabilizamos as persoas que entran no autobús para dicirlle ao Concello a xente que montou no día. Non se cobra, non tes que estar preocupado de darlle as voltas á xente e aforras moito tempo".

O bus tarda unha hora en percorrer o itinerario completo, que conta con 60 posibles paradas. Ademais, os usuarios teñen á súa disposición unha aplicación, tamén gratuíta, que lles permitirá saber en todo momento onde se encontra o vehículo.

"Xa está funcionando unha aplicación que os usuarios descargan no seu móbil e cun usuario ("bus2020") e un contrasinal ("urbano"), que están pegados no autobús, poden acceder e ven en cada momento onde está situado o autobús. Entón así xa saben, aproximadamente, canto tempo lles vai tardar en chegar á parada", afirma Pilar Sánchez, xerente da empresa concesionaria.

O autobús dispón de conexión USB en todos os asentos e mais de wifi, tamén de balde.

Noticias web

03/02/2020