CRTVG

Buscar

Os MIR de Madrid, en folga para denunciar "condicións de explotación" e por un "convenio digno"

Publicado o 13/07/2020 20:01
Os MIR de Madrid, en folga para denunciar "condicións de explotación" e por un "convenio digno"

Os médicos internos residentes (MIR) de Madrid iniciaron este luns unha folga indefinida "contra a explotación" e por un convenio laboral "digno", xa que aseguran que son os segundos peor pagados de España, "só por detrás de Canarias" e que os hospitais os utilizan como "man de obra barata".

4.600 traballadores residentes en formación -médicos, enfermeiros, persoal de farmacia ou radiofísicos- están chamados á folga a partir deste luns tras fracasar as negociacións coa Comunidade de Madrid para mellorar as súas condicións. O primeiro día da folga indefinida, cun seguimento do 95 % segundo os convocantes e do 43,8 % segundo a Consellería de Sanidade, comezou á primeira hora con manifestacións dos MIR ante as portas dos seus hospitais.

A continuación, trasladaron a protesta ás portas da Consellería de Sanidade da Comunidad de Madrid, coa participación duns 2.000 residentes segundo os convocantes. Berrando cánticos como "Isabel Ayuso, isto é un abuso", "A vocación non nos dá para comer", "Sen convenio non traballamos" ou "Chámano formación e non o é, é explotación", os manifestantes marcharon ataviados con batas brancas e pancartas con mensaxes como " MIR=médico baixo custo" ou "Levo 24 horas traballando, aténdote?".

Ante os servizos mínimos "abusivos", fixados no 100% para as gardas e que foron recorridos, os manifestantes berraban: "Non estamos todos, faltan os de garda, onde está o dereito a folga?". Os residentes reivindican o seu papel fundamental durante a pandemia, "deixando a pel con soldos de bolseiros, sen límites de horario", e critican que en Urxencias asumen "responsabilidades que non lles corresponden” ao atender "sós pacientes mesmo graves", segundo algúns testemuños de traballadores do hospital Ramón y Cajal. 

Noticias web

13/07/2020