Os ministros de pesca da UE analizan como quedan as cotas de pesca co Reino Unido este ano
Hoxe houbo Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea para analizar como quedan as cotas de capturas co Reino Unido durante este 2021. Galicia tamén participou no encontro virtual. A UE quere pechar canto antes as oportunidades de pesca para as súas frotas. Hai que fixar os totais admisibles de capturas non só deste ano, senón tamén as de augas profundas no 2022. Pechado o acordo posbrexit, agora os ministros de Pesca da UE teñen que concretar estes números.
As prioridades para España son manter as cotas de ollomol nos caladoiros compartidos co Reino Unido, e esixe cifras realistas nas capturas de bacallau en augas escocesas ou do mar Céltico. Os ministros de Pesca tamén insistiron en pechar canto antes novos acordos con Noruega e Mauritania.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou nestas discusións europeas. Defendeu negociar co Reino Unido as posibilidades de pesca pensando non só nas especies principais para a frota galega, senón tamén nas accesorias.