CRTVG

Buscar

Os mineiros avanzan na galería cara a Julen e traballan co apoio dos Tedax

Publicado o 25/01/2019 08:48

A brigada mineira desprazada dende Asturias leva máis de quince horas traballando na galería. Teñen que subir e baixar nunha cápsula e escavar manualmente case catro metros para chegar ao pozo onde cren que está o pequeno dende hai doce días. Levan metro e medio, e fontes do equipo de rescate explican que o terreo non está axudando pola súa dureza. De feito, xa tiveron que facer dúas pequenas voaduras.

Os integrantes da brigada escavan por parellas durante uns 35 minutos e despois son relevados por outros dous compañeiros. E así sucesivamente. Inicialmente cifraran en 24 horas o tempo necesario para chegar a Julen, pero poderían ser máis.

Os portavoces do operativo aseguran que manteñen o ánimo. Din que non contemplan outra opción que saír co pequeno porque ningún mineiro queda na mina e Julen é nestes momentos un mineiro máis.

Juan López Escobar, delegado do Colexio de Enxeñeiros de Minas: "A verdade é que seguen coa ilusión de sacar con vida a Julen. Esa esperanza móveos aínda que non é sinxelo"

Unhas 200 persoas participaron nunha vixilia esta noite para transmitir forzas aos efectivos de rescate e tamén á familia, de feito estaban os pais de Julen. O acto foi conducido polo pai da nena Mari Luz, asesinada en Huelva en 2008.

Juan José Cortes: " Seguramente sexa a última noite que Julen estea aí"

O terreo onde se atopa o pozo xa presentara dificultades de dureza cando se perforou o túnel vertical paralelo e xa se demorara o primeiro prazo establecido.
 

Noticias web

25/01/2019