CRTVG

Buscar

Os militares venezolanos bloquean a entrada da axuda humanitaria desde Colombia

Publicado o 07/02/2019 08:37

É a imaxe do bloqueo da axuda humanitaria a Venezuela. Un camión cisterna e dous colectores atravesados na ponte internacional de Tienditas, unha infraestrutura fronteiriza entre Colombia e Venezuela aínda sen inaugurar. Segundo un deputado opositor da rexión, colocounos o exército venezolano para impedir a entrada de axuda humanitaria ou facerse con ela.

Juan Guaidó asegura que o proceso de transición en Venezuela é irreversible e ordénalles aos militares que permitan a entrada no país da axuda humanitaria internacional. Nas próximas horas, celébrase en Montevideo a primeira reunión do Grupo Internacional de Contacto, que será copresidida pola alta representante da Unión Europea, Federica Mogherini, e o xefe de estado uruguaio, Tabaré Vázquez. 

Nesta ponte internacional fronteiriza é onde as autoridades colombianas estableceron o posto de recepción e almacenamento da axuda humanitaria, aínda que de momento o paso está bloqueado. Nas últimas horas, Porto Rico conseguía introducir axuda humanitaria en Venezuela por vía aérea, segundo informou o secretario de Estado dese país. O Goberno de Colombia insiste en que seguirá traballando para levarlles a axuda aos venezolanos.

Trujillo reuníase nas últimas horas co secretario de Estado norteamericano, Mike Pompeo. Os Estados Unidos ofrecen unha exención de sancións aos xenerais e militares venezolanos de alto rango que rompan con Maduro. Á cúpula militar volvía instar o presidente da Asemblea Nacional.

Guaidó: "De novo, ás Forzas Armadas, unha orde directa neste momento: permitan que entre e que ingrese a necesaria axuda humanitaria".

Respondeu o número dous do chavismo, Diosdado Cabello, presidente da Asemblea Nacional Constituínte, advertíndolle a Guaidó que están dispostos a defender a súa patria.

Diosdado Cabello: "Non escoitou o asubío dunha bala preto de vostede".

Montevideo acolle hoxe o cumio proposto polos gobernos de México e do Uruguai para buscar unha saída á crise venezolana. Os dous países propoñen o chamado Mecanismo de Montevideo, un plan en catro etapas para encontrar unha solución integral e duradeira. Unha iniciativa que apoia o presidente Maduro.

Maduro: "Apoio o Mecanismo de Montevideo".

Mentres, nas rúas de Caracas, onte, novo acto de apoio a Maduro e contra a inxerencia dos Estados Unidos.

Pola súa parte, Guaidó segue recabando apoios internacionais. Irlanda sumouse á vintena de países europeos que o recoñecen como presidente de Venezuela. É unha delegación opositora entregou na embaixada de Italia, país que aínda non o fixo, unha carta pedíndolle ao Goberno de Salvini e Di Magio que revisen o seu posicionamento.

 

Noticias web

07/02/2019