CRTVG

Buscar

Os mexilloeiros do Grove cren que o incendio nunha batea foi intencionado

Publicado o 11/12/2019 14:04

A batea quedou moi estragada: dezaseis cordas foron para o fondo tras queimárense e outras non chegaron a romper, pero sufriron danos. Sen contar coa caseta, onde prendeu o lume cando xa era de noite no porto de Meloxo, no Grove. Todo apunta, polo tanto, a que o incendio foi intencionado.

Os bateeiros din que foi unha falcuatra, a saber de quen, e que a xente que o fixo sabe por qe o fixo. Hoxe o propietario da batea afectada xa estaba de novo traballando no mar, e en conversa teléfonica lamentou que a denuncia que interporá non ha valer para moito, porque vai ser moi difícil dar co autor ou autores dos feitos.

Di que non sospeita quen puido ser, que houbo épocas de conflitos, pero que agora non hai nada concreto que explique por que puido pasar o que considera un acto vandálico.

Os bateeiros, en xeral, quéixanse da inseguridade que sofren e do fácil que é danar os seus aparellos e cultivos. Din que lle puido tocar a calquera e que é unha preocupación, que sempre falaron de que hai que ter máis vixilancia.

Así e todo, no momento en que ardeu a batea acudiron moitos efectivos de urxencias que finalmente non tiveron que actuar porque outros bateeiros que estaban preto sufocaron as lapas e evitaron que os estragos foran a máis.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/12/2019