CRTVG

Buscar

Os menores de 40 poderán elixir a súa cita para vacinarse en casos xustificados

Publicado o 31/05/2021 14:20

• O Sergas quere combinar a citación masiva cunha fórmula á carta 

A vacinación de menores, seguinte reto na loita contra a pandemia

• A Xunta sitúa a inmunidade de rabaño en Galicia "nun par de meses"

Os menores de 40 anos poderán programar a súa vacinación mediante cita previa, pero esta opción só estará dispoñible en casos xustificados.

"A idea é combinar a citación masiva coa apertura de ocos de citación para aquelas persoas que por motivos laborais ou de educación queiran adiantar o seu proceso. Un sistema mixto, á vontade do cidadán e programado", anunciou o conselleiro de Sanidade durante un acto en Lugo.

Mentres, a vacinación segue o seu curso. O vindeiro luns, 7 de xuño, comeza a inmunización do grupo de 40 a 49 anos. A previsión, a día de hoxe, é usar as vacinas de ARN mensaxeiro.

"Estamos pendentes do que sucede coa indicación de idade de Janssen por si fose posible usala tamén neste colectivo, pero de momento planificamos coa de Pfizer e Moderna", adiantou Julio García Comesaña. A vacina de Johnson & Johnson estase a utilizar no tramo de 50 a 59. 

A vacina monodose de Janssen estase usando agora mesmo no tramo de 50 a 59 anos. Nas áreas sanitarias da Coruña, Ferrol, Pontevedra e Ourense administráronse este luns máis de 20.000. 20.000 galegos que en dúas semanas estarán inmunizados, sen necesidade dunha segunda dose.

Ademais, o titular de Sanidade recoñeceu que a chamada inmunidade de rabaño en Galicia non se alcanzará ata dentro “dun par de meses”.

 

Noticias web

31/05/2021