CRTVG

Buscar

Os medios de extinción buscan poder controlar os incendios en Ribas de Sil

Publicado o 08/09/2021 12:25

A imaxe que deixa hoxe tras si o incendio da Ribeira Sacra é a da destrución. Os medios de extinción seguen traballando para controlar o lume que arrasou case 1.600 hectáreas. Os traballos céntranse en apagar pequenos focos e arrefriar a zona. 

Á primeira hora da tarde de onte a Xunta desactivou a situación de alerta 2, tras remitir o perigo para os núcleos de poboación, e tamén daba por estabilizado o incendio. Veciñas do Carballo de Lor, no concello de Quiroga, explican que viron as lapas moi preto das súas casas.

A chuvia facilitou onte os traballos de extinción, complicados nos días previos pola orografía e polas extremas condicións do vento e a calor. Esa mesma chuvia e as condicións meteorolóxicas que se dean durante esta xornada serán as que en boa medida marquen o momento en que os incendios se poidan dar por controlados e posteriormente extinguidos.

O incendio comezara ao mediodía do luns en Ribas de Sil e propagouse á Pobra do Brollón e Quiroga. O outro lume de menor dimensión, que se iniciou o domingo na parroquia de Nogueira, tamén está estabilizado. Medio Rural non dubida de que foron intencionados. Son os incendios máis importantes do que levamos de verán en Galicia.







 

Noticias web

08/09/2021