CRTVG

Buscar

"Os médicos que veñen aquí parece que son como da familia"

Publicado o 11/07/2019 19:28

Coma na casa, en ningures. Polo menos iso pensou Cipriano cando lle propuxeron ingresar na súa propia vivenda.Carme e Montse pásanlle consulta a diario, fanlle curas e analíticas, e asesoran a filla que o coida. Un tratamento especializado e complexo que recibe no salón, sen desprazamentos, con menor risco de infección e rodeado do que máis quere. "Estas rapazas son do mellor que hai. Evítanme ter que ir ao hospital outra vez. Se o poden facer na casa, moito mellor", di Cipriano.

"Teñen a súa comida, a súa cama, as súas cousas... Para o familiar que coida tamén é máis cómodo, porque descansa mellor, na súa cama" afirma Carme Carballada, médica na área de Ferrol. 

Doentes crónicos, de coidados paliativos ou transplantados son os principais beneficiarios. Unha alternativa voluntaria que, para a doutora Carme, ademais de desconxestionar hospitais, permite conectar co lado máis humano da medicina. "Créase un clima de confianza e de hospitalidade mutua que é moi difícil de conseguir nun hospital", di a doutora Carballada. "Os médicos que veñen aquí parece que son como da familia", conclúe Cipriano.

O plan agora é estender a todo o país un servizo con 32 anos de historia, que recomendan 9 de cada 10 pacientes.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/07/2019