CRTVG

Buscar

Os médicos e o Sergas pactan crear 60 prazas de facultativos máis en dous anos

Publicado o 21/03/2019 21:51

Avance no novo modelo da Atención Primaria, tras o acordo entre o Sergas, as sociedades científicas e os colexios médicos. Entre as medidas pactadas está a creación de 60 prazas de facultativos en dous anos. Os médicos agardan agora a concreción do financiamento para pór en marcha as medidas do acordo. A Consellería de Sanidade calcula que en tres semanas poderalles presentar as primeiras estimacións orzamentarias.

O acordo asinado polo Sergas, os colexios médicos e as sociedades cientifícas fai avanzar o novo modelo de Atención Primaria en que traballa a Consellería de Sanidade cos profesionais dos centros de saúde desde hai dous meses.

Para paliar a sobrecarga asistencial o documento estima cupos de 1.400 doentes por cada médico, unha cifra que se reduciría se a porcentaxe de pacientes maiores de 75 anos supera o 15 por cento.
Outra das medidas para reducir a presión asistencial dos facultativos é a creación de 60 prazas de médicos de familia nos próximos dous anos. Estas prazas adxudicaranse aos centros de saúde tendo en conta o número de pacientes que atenden, a súa idade e a complexidade das súas doenzas.

O acordo tamén recolle a mellora dos contratos de continuidade, os dos médicos que cobren baixas e substitución. Librarán despois das gardas nos PAC e reducirase a zona xeográfica en que terán que traballar.

Outra das novidades é a elaboración dun catálogo de probas diagnósticas que se poderán pedir directamente desde a Atención Primaria. O Sergas comprométese a crear dun comité técnico de expertos e un consello asesor de Atención Primaria de carácter permanente, e a potenciar a figura dos xefes de servizo e dos titores en formación. Tamén garante o financiamento necesario para facer realidade todas estas medidas recollidas no acordo.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/03/2019