CRTVG

Buscar

Os médicos din que Trump evoluciona ben e que podería saír do hospital mañá

Publicado o 04/10/2020 22:00

Donald Trump evoluciona ben. Non volveu ter febre desde o venres á mañá, mantense activo e sen problemas respiratorios. Explicouno, no último parte médico, o equipo que o atende nun hospital militar das aforas de Washington.

Brian Garibaldi, membro do equipo médico: "Se continúa véndose e sentíndose tan ben coma hoxe, espero que poidamos darlle a alta mañá, para volver á Casa Branca onde continuaría co tratamento".

Os médicos recoñeceron, porén, que o presidente dos Estados Unidos foi conectado a osíxeno suplementario o venres á mañá, ao experimentar unha caída dos niveis en sangue. Caída que se repetiu onte, tamén pola mañá, pero sen chegar a causarlle problemas para respirar. O seu médico persoal restoulle importancia incluso ao primeiro episodio.

Sean Conley, médico persoal do presidente: "Afortunadamente, foi un episodio transitorio moi curto e nun par de horas recuperouse".

O seu equipo, que difundiu fotos del supostamente traballando no hospital, explicou que hoxe ten un nivel de osíxeno do 98% e que seguirá o tratamento de cinco días co antiviral Remdesivir, do que xa recibiu dúas doses sen complicacións.

Donald Trump, presidente dos EUA: "Vin aquí, non me sentía moi ben. Síntome moito mellor agora. Estamos traballando duro para que me recupere".

Son as últimas declaracións de Trump. Fíxoas onte á noite desde o hospital a través de Twitter.

Noticias web

04/10/2020