CRTVG

Buscar

Os médicos agardan que o Sergas poña en marcha as medidas do acordo e a Consellería anuncia que en tres semanas concretará o orzamento necesario

Publicado o 21/03/2019 20:58

A concreción orzamentaria para pór en marcha as medidas era unha das reivindicacións dos médicos e unha das causas de que deixaran de participar na reforma da Atención Primaria hai dúas semanas. Agora volven con este acordo, aínda que non están recollidas todas as súas demandas.

"A Consellería comprometeuse a unha serie de medidas, non todas as que nos gustarían, pero algunhas son de importancia. O que esperamos agora é que, para empezar, estas cousas, pequenas, grandes, medianas que se comprometeron onte cheguen a termo. Por iso, parécenos importante o anuncio do financiamento para elas", asegura José Luis Jiménez Martínez, presidente do Consello Galego de Colexios Médicos.

A Consellería de Sanidade calcula que dentro de tres semanas terá unha estimación do orzamento necesario. Para Vázquez Almuíña, o acordo cos médicos é un avance importante no deseño do novo modelo de Atencion Primaria.

"Creo que foi un paso importante para acabar de definir, como digo, o novo modelo, ademais cunha visión non só de curto prazo, que é importante, senón que tamén a medio e longo prazo. Creo que sentamos unhas bases importantes para seguir traballando", afirma Jesús Vázquez Almuíña.

Ademais, dos colexios médicos e das sociedades científicas, o novo modelo, di o conselleiro, ten xa o apoio de enfermería, fisioterapeutas, traballadores sociais e administrativos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/03/2019