Os matemáticos propoñen un confinamento de 15 días na UE para frear a covid antes do Nadal
Un confinamento de 15 días, de xeito simultáneo e acompasado en toda a Unión Europea, e antes do Nadal. Esa é a recomendación que están a facer hoxe algúns expertos en matemáticas, como o galego Iván Area, da Universidade de Vigo.
Din que poñer a cero o marcador da covid é imprescindible para garantir a atención hospitalaria.
A estabilización e lixeiro descenso do número de contaxios que se está a percibir en Galicia tardará en notarse nas UCI e nas camas de hospital.
As matemáticas explican tamén as incidencias altísimas en zonas como as de Bergantiños, ou as que tiveron na Terra de Soneira o no Salnés.
Fano atendendo ao que denominan casos previos. Contaxios, moitos asintomáticos, que comezaron durante o mes de agosto e que, unha vez disparados, resulta difícil parar.
Despois de que varios países como Italia, Francia e España freasen a primeira onda da pandemia, os matemáticos analizan un erro de estratexia.
Consideran, desde a perspectiva matemática, que as mellores medidas contra o virus serían as simultáneas, conxuntas en toda Europa. Propoñen un confinamento total, coma o de marzo, durante 15 días e en toda a Unión Europea.