CRTVG

Buscar

Os mariñeiros galegos en Mauritania non conseguen volver á casa

Publicado o 27/04/2020 14:21

Aos mariñeiros da frota galega que traballa en Mauritania, o confinamento non lles supón un sobreesforzo, porque están habituados a convivir a bordo dun barco en espazos reducidos. Pero o tempo pasa e as condicións van empeorando. Cando chegaban a porto a descargar podían baixar e tiñan liberdade de movementos, pero agora as autoridades mauritanas impuxéronlles restricións. E o futuro preséntase incerto, porque os relevos, que debían ter cada dous meses e medio ou 3, non chegan, e eles tampouco poden regresar á casa. O país está pechado por terra e por aire.

Julio Riobó, capitán do Fuente de Macenlle: "Hai xente xa con 5-6 meses de mar, que están a bordo. Entón estamos atopando esta dificultade dobre engadida. É imposible tanto vir xente para abaixo como saír".

A situación tamén se complica para os barcos de bandeira mixta, como o Alpha Peche 1, que empezan a parada biolóxica o 1 de maio.

Tomás Parada, capitán do Alpha Peche 1: "Calculo que seremos uns 20-22 afectados a primeiros de mes, e non imos ter maneira física de saír do país, xa que os aeroportos están pechados, as fronteiras por terra estan pechadas, e nós ainda tiñamos unha pequena posibilidade de saír co barco cara a España para reparar, pero parece que a cousa se está complicando e non nos van dar permiso, e os meses van pasando, os días sumando, e poñémonos un pouco máis nerviosos pensando en cómo imos volver á casa".

A vía marítima é a única saída factible. Por iso propoñen que as autoridades habiliten o buque hospital do Instituto Social da Marina para trasladar os mariñeiros.

Julio Riobó. Capitán do Fuente de Macenlle: "A través do buque Esperanza do Mar que nos podía facer un servizo moi grande, xa que podía traer xente para abaixo e despois tamén levala para arriba, e ao mesmo tempo a xente que pode traer, gardar o confinamento no barco xa dos 15 días, e se fixeran falta tests, saber que aquí chegaban xa nas mellores condicións".

Lonxe dos seus e sen saber cando volverán, seguen traballando para que o peixe non falte nas nosas mesas.

Noticias web

27/04/2020