Os mariñeiros de Cambados piden vacinas tras o gromo con máis de 20 infectados
Son hoxe 87 casos a 14 días. Unha incidencia que supera os 600 puntos. En Cambados hai dous gromos ben diferenciados. Un, de orixe familiar, que deixa xa máis de 30 contaxios, e outro entre os mariñeiros do cerco, con máis de 20 infectados e 6 barcos amarrados e sen poder pescar.
"Isto póde expandirse a mariscadores, a persoal de lonxa, a todos os que estamos na confraría que estamos convivindo todos os días", di Ruperto Costa, patrón maior da confraría.
Entre a trasfega do traballo diario, en Cambados instalouse unha preocupación fonda polo sector da pesca. Pola saúde dos mariñeiros, pero tamén polas repercusión económicas, porque hai moita interrelación entre eles e as circunstacias do traballo facilitan os contaxios. Piden por iso, seren vacinados canto antes.
"Nos momenos duros de pandemia, cando foi o confinamento duro, nós botamos o peito ás balas e declaráronnos esenciais. Agora estamos caendo coma moscas. Levamos solicitados a vacina desde hai meses, e xa vén tarde", argumentan.
O dos mariñeiros do cerco é un dos focos que agromou na vila. O outro debese a unha celebración familiar e ten aínda máis contaxiados. Esta mesma tarde comeza un cribado na vila para tratar de deter a cadea de transmisións. Xa van varios, e este céntrase na poboación de entre 30 e 40 anos.
Na rúa as restriccións son perceptibles. Mínima actividade comercial, café só para levar e veciños que se autoconfinan e saen practicamente só para os recados. Unha situación que esperan que dure o mínimo para poder volver á normalidade. Mentres tanto, a Policía Local do concello pon o seu empeño en facer cumprir o peche perimetral e o toque de recollida ás once da noite.