CRTVG

Buscar

Os mariñeiros de altura reclaman ser grupo prioritario na campaña de vacinación

Publicado o 04/04/2021 14:27

Hai pouco máis dun ano, o capitán do bacallaeiro Lodairo, con porto en Vigo, mandábanos este consello ante a aparición da covid−19 nas nosas vidas:

"Que todos sexamos un pouquiño mariñeiros. E quedade na casa. Nós estamos confinados a maior parte do ano e da vida, e pódese sobrevivir", dicía Xosé Luís.

Poñíanse como exemplo de vida confinada, 33 mariñeiros nun barco de altura moderno pero a milleiros de quilómetros da casa e fóra durante meses.

A catro graos baixo cero, con mareas máis prolongadas do habitual e voltas a terra en soidade, un ano despois, valora este tempo:

"Gustaríame dicir que foi o ano máis duro de toda a miña traxectoria profesional, que ten xa máis de 25 anos".

Otero, desde Svalbard, preto do Círculo Polar Ártico, quere facer agora unha petición para o seu colectivo:

"Creo que é algo moi importante para nós que nos consideren un grupo prioritario para a vacinación. É moi sinxelo, non é que queiramos ser especiais, é que no momento en que teñamos só un caso é case misión imposible atallalo. Estamos a milleiros de quilómetros do noso país e non podemos ter a asistencia sanitaria que tes no teu país. Entón gustaríame que se acordasen de nós no tema da vacinación", di Xosé Luís.

A petición xa hai meses que llela trasladaron ao Goberno central e ao autonómico a Cooperativa de Armadores de Vigo e a Federación de Confrarías, que reclaman vacinas monodoses e que se apliquen en conxunto a toda a tripulación das embarcacións de altura.

Noticias web

04/04/2021