CRTVG

Buscar

Os máis pequenos coñecen o peixe de primeira man na lonxa de Burela

Publicado o 02/05/2019 16:37

O xurelo, a xarda, o escarapote, o can de mar ou a rabada son algúns dos peixes que lles ensinaron a estes rapaces na súa visita á lonxa de Burela. Tratábase da presentación de Peque Peixe, un proxecto de Política Lingüística destinado a que os cativos, neste caso alumnos de varios colexios mariñaos, poidan familiarizarse coa terminoloxía pesqueira.

"Hoxe aprendín a agulla, os nomes de peixe, que son os tiburóns...".
"É moi bo para o corazón. Hai moitos tipos de peixe. Hai pescada, bocarte, bonito...".

Sergio López, xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo: "O noso interese é promover o consumo de peixe, porque cremos que nutricionalmente os máis pequenos hai que achegalos ao peixe. E fixémolo coincidir coa presentación destas unidades didácticas, co fin de acercar tamén a terminoloxía do mar en todos os aspectos, como artes de pesca ou peixes, aos máis pequenos. Hoxe facémolo con nenos de sete ou oito anos, pero máis adiante ímolo facer con nenos doutras idades".

Os Bolechas animaron o acto, onde os rapaces tiveron a oportunidade de pesarse nunha báscula da lonxa onde se pesa o peixe.

"Pesáronme e peso 34".
"Pesáronme aquí e peso 29".
"O que máis me gustou foron os Bolechas".

Benito García Lorenzo, director do CEIP Fondo Nois de Foz: "Os Bolechas foi a atracción fundamental. Están os nenos radiantes de felicidade. Ao teren os contos dos Bolechas, coñécenos de todos os días e están moi contentos".

Os nenos recibiron unha mochila de agasallo, cunha unidade didáctica, e asistiron a unha mostra de cociña en directo a cargo da cociñeira Ana Oca. Ata fin de curso, a experiencia repetirase noutras lonxas.

Noticias web

02/05/2019