Os maiores de doce anos poderían comezar o próximo curso xa vacinados
Os adolescentes van ser o décimo terceiro grupo na prioridade de vacinación contra a covid. Xa están incluídos na última actualización da estratexia de vacinación, que organiza a vacinación dos menores de corenta anos. Aínda non hai calendario previsto, pero a idea é que a vacinación siga avanzando por grupos de idade. Os de 19 a 12 anos serían os últimos, coa excepción dos que teñan condicións de risco.
"Vaise priorizar a vacinación de adolescentes que teñan algunha comorbilidade ou que sexan grandes dependentes, porque teñen os mesmos factores de risco que a poboación adulta", explica Federico Martinón, xefe do Servizo de Pediatría do CHUS.
E que vacina lles toca? Os maiores de 18 poderán vacinarse con calquera das catro fórmulas autorizadas en Europa. Para os de 12 a 17 a única aprobada é a de Pfizer, porque é a única que ten xa completados os ensaios clínicos neste grupo de idade.
"Fíxose un estudo con case catro mil rapaces, e viuse que a vacina é segura e ten unha eficacia do cen por cento", di Martinón.
Explica ademais que non referiu efectos secundarios graves.
"Os efectos que se atoparon foron os habituais despois das vacinas" como "molestias no punto de vacinación, malestar, ou nalgúns casos febre".