CRTVG

Buscar

Os lucenses prepáranse para celebrar o Arde Lucus, que comeza a semana que vén

Publicado o 07/06/2019 14:55

De hoxe nunha semana dará comezo a edición número 18 do Arde Lucus, a festa que lembra o pasado romano e castrexo da cidade de Lugo. A celebración, de interese turístico nacional, agarda atraer 600.000 visitantes nos tres días que terá de duración. Hai previstas case 400 actividades polo que os comercios que venden artigos relacionados co Arde Lucus non dan abasto estes días.

O campamento dos romanos xa está instalado na praza maior de Lugo cando falta unha semana para que dea comezo a festa do Arde Lucus, que chega á súa edición número 18. Pero a meirande actividade nestes días está nas tendas que venden os traxes e complementos que locirán os preto de 600.000 visitantes que acollerá a cidade durante os tres días que dura a celebración. Cada ano chega con novidades e sempre hai demanda para traxes, xoias, cintos e calquera outro elemento que sirva para caracterizarse de romano ou de castrexo.

Eva Alonso, fai traxes do Arde Lucus: "Todos os anos incrembntamos os pedidos porque a xente de Lugo quere cambiar o traxe e porque ven moita de fóra. É importante innovar"

Aínda que é posible facerse coa roupa para saír caracterizado xa elaborada ou adquirila por internet, seguen sendo moitas as persoas que prefiren facela a medida e que a encargan nos establecementos de teas da cidade. É o caso deste taller en que traballan ata doce horas ao día para poder cumprir con todos os pedidos. Malia a carga de traballo, amósanse encantados de que o Arde Lucus deixe cartos na cidade.

Fe castro, fai traxes do Arde Lucus: "Levamos un mes de moito traballo pero é boa cousa porque así toda a cidade se beneficia do Arde Lucus".

Para e edición deste ano do Arde Lucus están programadas case 400 actividades espalladas polas distintas rúas da cidade de Lugo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/06/2019