CRTVG

Buscar

Os lobos matan varias ovellas no centro de Cerceda

Publicado o 05/03/2020 14:12

O ataque produciuse na leira traseira dunha casa situada na avenida da Coruña de Cerceda, moi próxima ao centro urbano. O lobo actuou de noite, xa que as ovellas entran e saen da corte con liberdade.

"Contan que viñeron 4 lobos porque os viron por aquí por cerca e mataronme 4 ovellas, un era un año que nacera o sabado", di Esteban Bello Eirín, propietario das ovellas.

Había dous anos que o lobo non atacaba a súa explotación. Daquela comeulle dúas ovellas. Máis que o valor económico dos danos, que anda nos 300 euros, asegura que sente impotencia ante estes ataques e pide que se tomen medidas.

A este gandeiro preocúpalle a presenza do lobo na zona, xa que moi próxima a esta leira ten unha explotacion de vacas.

Esta mesma mañá comprobaba que o lobo volveu estar na leira durante a noite, xa que o o pouco que quedaba do año desaparecera. Malia o temor a que volva atacar, asegura que non pode ter os animais pechados.

Noticias web

05/03/2020