CRTVG

Buscar

Os lobos matan un cabalo e deixan malferida unha xata en Abadín

Publicado o 26/02/2020 14:31

Un cabalo de raza galega é unha das últimas vítimas dos lobos no concello de Abadín. O animal foi atacado de noite na leira onde pacía a escasos metros das vivendas. O seu propietario cre que se tratou de máis dun lobo porque en pouco tempo comeron case todo o cabalo. Nin os arames de espiño que rodean a leira, nin a iluminación do lugar nin a proximidade das casas disuadiron os lobos. O monte que rodea a parroquia de Baroncelle é un acubillo perfecto e por eso se producen ataques o gando todas semanas.

"Xa matou dous burros hai poucos días. E a min matárame unha vaca hai dous anos. Nin o arame de espiño nin as redes lles fan nada. E as casas xa se ven que están moi preto".

Outra xata acabada de nacer tamén foi vítima dos lobos. O ataque produciuse na parroquia de Romariz, onde xa mataron varios poldros nas últimas semanas. A xata foi trabada nas costas e nas orellas, chegando a arrincarlle os crotais. Pola natureza das feridas e as subseguintes infeccións non se agarda que viva máis aló dunhas poucas horas e padecendo fortes dores. Ademais. a súa nai pode contraer mamite e outras doenzas porque ao non mamar a xata as ubres reséntense. De feito, xa solta o leite de xeito forzado.

"Vin a xata aló abaixo no prado e cando me acheguei xa notei que estaba trabada. Aínda que sande veremos onde lle poñemos as chapas, porque lle arrincaron as orellas. Pero non creo que sande".

No que vai de ano, todas as semanas se rexistraron no concello de Abadín ataques do lobo o gando. Por iso, os veciños das parroquias máis afectadas reclaman solucións urxentes o que consideran xa unha praga.

Noticias web

26/02/2020