Os líderes galegos valoran os resultados un día despois
O presidente dos populares galegos avaliou os resultados antes de entrar á reunión do comité nacional do partido, destacando que volven ser a forza máis votada na comunidade, con máis do 55% dos concellos.
Alberto Núñez Feijóo, presidente do PPdeG: "Volvemos a ser partido maioritario na comunidade autónoma e iso no contexto nacional é un resultado francamente apreciable e positivo. Dunha das cousas das que estou máis satisfeito é de que Vox obtivo un resultado practicamente testimonial".
O PSdeG cualifica os seus resultados de históricos e fala de cambio de ciclo electoral en Galicia.
Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG: "Contentos porque Galicia opta polo PSdeG. O PSdeG convértese na forza política que representa a maioría progresista de Galicia, que representa a opción de futuro".
O líder de En Marea fala de malos resultados e ve preciso revisar a organización e o discurso.
Luís Villares, voceiro de En Marea: "Non fomos capaces de responder as expectativas da cidadanía. Por unha banda as tensións internas dos que pensaban máis en sí que no interese xeral".
No BNG, satisfeitos, falan dun gran resultado.
Ana Pontón, voceira nacional do BNG: "Consegue o obxectivo que tiñamos marcado para as eleccións municipais, volvendo entrar con forza nas cidades, consolidando gobernos e ampliando o poder político do BNG neste país, polo tanto, confírmase ese avance imparable do BNG".
En Ciudadanos Galicia destacan que dobraron o número de concelleiros. Laureano Bermejo, secretario de organización de Ciudadanos Galicia: "Ciudadanos cada vez que se presenta a unhas eleccións consegue non só asentarse, senón seguir medrando".