CRTVG

Buscar

Os líderes galegos apuran as últimas horas da campaña electoral

Publicado o 24/05/2019 15:20

As axendas dos líderes galegos teñen hoxe pouco espazo libre. Este venres é unha xornada maratoniana en que todos coinciden en facer quilómetros e na chamada á mobilización. O líder do PPdeG vai estar nas sete grandes cidades. Núñez Feijóo comezou cun almorzo en Santiago co candidato á alcaldía da capital, despois pasou por Ourense para acompañar o rexedor popular, de aí a Lugo, onde conta coa presenza de Mariano Rajoy. Rematará na Coruña coa candidata a alcaldesa.

O líder do PSdeG tamén acompañou esta mañá á candidata coruñesa. O acto central de Gonzalo Caballero será en Vilagarcía, un dos bastións socialistas, antes de pechar a campaña en Camariñas coa súa candidata.

O voceiro de En Marea e a súa candidata ás europeas fixeron balance desta campaña. Á tarde, Luís Villares participará nun acto para apoiar a candidatura de Ourense Mellor. As marcas locais que antes estaban baixo a súa confluencia pechan campaña nos seus respectivos municipios. A voceira nacional do BNG tamén iniciou a xornada en Santiago, pero a axenda de Ana Pontón tamén inclúe hoxe actos en Ourense, Ribadavia e Vigo, onde pecha campaña.

Mentres, os líderes dos partidos estatais coinciden en clausurar esta campaña en Madrid, coa única excepción de Pablo Iglesias, que a pecha en Tenerife.

Noticias web

24/05/2019