CRTVG

Buscar

Os líderes europeos pactan harmonizar as estratexias de vacinacións e tests

Publicado o 30/10/2020 08:08

Os líderes da Unión Europea (UE) fixaron este xoves as bases para responder de forma máis harmonizada á segunda onda de coronavirus no continente, nunha estratexia en que ven clave o intercambio de experiencias e datos, o rastrexo, o recoñecemento mutuo de tests ou unha vacinación eficiente.

O cumio europeo, que se celebrou de forma telemática, coincidiu coa mesma xornada en que o vello continente superou os dez millóns de casos de coronavirus e ten a incidencia máis alta desde que empezou a pandemia, con 1,5 millóns de contaxios reportados nos últimos sete días e as hospitalizacións en niveis que non se vían desde os meses de marzo e abril.

Ante este panorama, o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, subliñou a importancia de que se preserve o funcionamento do mercado único europeo e da liberdade de movementos dos cidadáns, dúas áreas que se viron fortemente afectadas na primeira onda da pandemia co peche de fronteiras.

Tamén a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, incidiu en que se aprendeu dos erros da pasada primavera sobre como lidar contra a pandemia e apuntou a que "pechar fronteiras non serviu para parar o virus" e a que hai unha "vontade amplamente compartida" de defender "a forza do mercado interior" e garantir as cadeas de subministración.

Para iso, considerou claves cinco prioridades para a resposta europea: os tests para detectar o virus, as aplicacións de rastrexo de contaxios, as estratexias de vacinación e o intercambio de información entre expertos e co Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades.

Respecto aos tests, tanto Michel como Von der Leyen destacaron a importancia de que todos os Estados membros acorden o "recoñecemento mutuo, distribución e uso" destas probas. Para Von der Leyen, esta estratexia debe "ir da man" dunha harmonización dos métodos de rastrexo da enfermidade, de maneira que se garanta a interoperabilidade das aplicacións que 22 dos 27 Estados membros puxeron en marcha ou están en proceso.

A Comisión, lembrou, creou unha plataforma con este obxectivo e espera que todas as aplicacións móbiles que existen na actualidade estean vinculadas por esta vía para o mes de novembro. A alemá anunciou que o Executivo comunitario exporá un proxecto piloto para crear un rexistro de datos de pasaxeiros co que se facilite o rastrexo do virus, unha iniciativa que esperan estea en marcha para finais deste ano aínda que, recoñeceu, "non é prioritaria" porque a recomendación actual é de non viaxar.

Sobre a vacinación, dixo que hai un consenso entre os Estados membros para o criterio de repartición das vacinas adquiridas na comunidade europea: todos os países as recibirán ao mesmo tempo e nas mesmas condicións en proporción á súa poboación. Para iso, Bruxelas pediu a todos os gobernos que lle remitan os seus plans nacionais de inmunización, de forma que a Comisión poida comprobar que son "adecuados para o seu obxectivo".

Michel, pola súa banda, mostrouse partidario de que os Vintesete acorden tamén que grupos de poboación se deben priorizar en canto cheguen as primeiras remesas de vacinas, unha idea sobre a que, dixo, algúns Estados membros xa están a traballar. Von der Leyen fixo tamén fincapé na importancia de que os Estados membros compartan información para que a resposta europea poida ser máis eficiente. "Por exemplo", explicou a alemá, "coñecer datos europeos sobre a capacidade das UCI pode axudar a organizar con tempo o traslado de pacientes". 

Noticias web

30/10/2020