Os líderes do G7 métenlle presión a Biden para que prorrogue as evacuacións malia as ameazas dos talibáns
Os líderes do G7 reúnense hoxe telematicamente para falar do futuro de Afganistán e das evacuacións do aeroporto de Cabul. Unha xuntanza presidida polo primeiro ministro británico, Boris Johnson, e en que varios países meten presión aos Estados Unidos para que prolongue a estadía das tropas estadounidenses, que controlan a seguridade no aeródromo, máis aló do 31 de agosto para que dea tempo a sacar máis xente do país.
Na súa última intervención pública, o presidente Biden dicía que era viable acabar as evacuacións o 31 de agosto, que non cría necesaria unha ampliación dese prazo, aínda que recoñeceu que a situación é moi perigosa e moitas cousas poden saír mal.
Ante a mudez da Casa Branca dos últimos días ante as interpelacións que lle fixo o Reino Unido, non é esperable que mude hoxe de parecer sobre a prolongación da estadía das tropas estadounidenses uns días máis. España xa asegurou que seguirá evacuando mentres os marines controlen a seguridade no perímetro do aeroporto.
Á ameaza dun hipotético ataque terrorista do Dáesh súmase a advertencia dos talibáns nas últimas horas: se as tropas estranxeiras non marchan nunha semana, o martes que vén, haberá consecuencias. Porque, asegurou este voceiro dos talibáns nunha entrevista a Sky News, significaría prolongar a ocupación e é unha liña vermella que non van aceptar. Tampouco formarán goberno ata que se vaian os militares da zona.
Os talibáns quítanlle importancia ao éxodo masivo de afgáns, din que é unha especie de migración económica, que marchan fuxindo da pobreza, non deles, non por medo.
Ata o momento, os británicos lograron sacar do país preto de 6.000 persoas, entre afgáns e persoal diplomático. Os Estados Unidos, unhas 17.000.
Medios nacionais franceses informaban nas últimas horas que as autoridades galas puxeron baixo vixilancia antiterrorista cinco afgáns evacuados por presuntos lazos cos talibáns. Segundo a Axencia France Presse, un deles admitiu que foi responsable dun posto de control talibán en Cabul. A información foi confirmada polo ministro do Interior e a oposición, especialmente a dereita e a ultradereita, aproveitou para criticar a política migratoria do Goberno de Macron.