Trump chega ao cumio do G-7 tras agravar a guerra comercial coa China e no medio das advertencias da UE
O presidente estadounidense, Donald Trump, chegaba a primeira hora desta tarde a Biarritz e a súa presnza vén acompañada pola polémica, despois de que onte conminara as empresas do seu país a abandonar a China.Minutos antes, o presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, ameazaba aos Estados Unidos con represalias se decide impoñer aranceis ao viño francés e descartaba a reincorporación de Rusia ao G-7.
O presidente francés, Emmanuel Macron, será o anfitrión dun encontro que pretende recuperar o espírito multilateral do G-7, co que naceu en 1975 para tratar a crise internacional do petróleo. Agora hai outra crise de gran calado: a guerra arancelaria entre os Estados Unidos e a China, que trae incerteza e inseguridade ás relacións financeiras e comerciais internacionais.
"Eu creo que lexitimamente o que vós agardades de nós, todos, é poder asegurar a estabilidade, a seguridade e protexer a paz no mundo", sinalaba Macron a primeira hora desta tarde nun discurso institucional.
Macron actuará a partir desta tarde como anfitrión dos Estados Unidos, o Canadá, Alemaña, Italia, o Reino Unido e o Xapón. Son potencias democráticas e iso exclúe a China. Dentro dese novo espírito multilateral, o presidente galo propugnou o regreso de Rusia para retomar a idea do G-8, que rematou cando Putin ordenou a anexión de Crimea en plena crise ucraína.
Os líderes mundiais seguen chegando gradualmente a esta cidade balneario, un dos referentes vacacionais da realeza europea no pasado e logo da gran burguesía. Na axenda que teñen por diante figuran non só a recesión económica, a cuestión nuclear de Irán e a guerra de Siria, senón tamén os impostos aos xigantes de Internet, a resposta á aceleración do cambio climático, as grandes migracións, a loita contra a evasión fiscal ou a desigualdade entre homes e mulleres.
Tratarán eses e outros tamas en medio dun forte dispositivo de seguridade con 13.200 axentes despregados, aos que hai que engadir outros 3.000 ao outro lado da fronteira, en España, fundamentalmente en Euskadi.