Os líderes demócratas do Congreso pídenlle a Pence que destitúa xa a Trump
A xefa da Cámara Baixa dos EUA, Nancy Pelosi, e Chuck Schumer, o demócrata de maior rango no Senado, instaron este xoves ao vicepresidente Mike Pence a recorrer á Emenda 25 da Constitución e destituír o presidente do país, Donald Trump.
Se o Gabinete e o vicepresidente non aplican a 25 Emenda, "o Congreso pode estar preparado para seguir adiante co xuízo político", dixo Pelosi, tamén do Partido Demócrata, nunha conferencia de prensa, un día despois do violento asalto de seguidores de Trump ao Capitolio.
Pola súa banda, Schumer asegurou que "a forma máis rápida e eficaz de destituír este presidente do seu cargo, algo que se pode facer hoxe, sería que o vicepresidente (Pence) invoque inmediatamente a emenda 25". A petición dos líderes demócratas ten lugar un día despois dos sucesos violentos no Congreso, nos que morreron catro persoas e dos que diversos sectores responsabilizaron a Trump por incitar aos seus seguidores con denuncias dunha fraude electoral sen presentar probas.
A emenda 25 da Constitución, creada para abordar as fendas constitucionais existentes sobre a sucesión presidencial en casos de problemas de saúde, permite a destitución do mandatario se se determina que é "incapaz de cumprir cos poderes e deberes do seu cargo".
Tras os disturbios sen precedentes do mércores, un número crecente de congresistas demócratas e mesmo algún político republicano pediron a dimisión ou un novo impeachment, xuízo político en inglés, contra Trump, a pesar de que apenas faltan dúas semanas para que entregue o cargo ao demócrata Joe Biden.
Outros progresistas que pediron a destitución de Trump por eses feitos son o senador Ed Markey e 17 dos membros do Comité Xudicial da Cámara de Representantes, entre outros. Aínda que as chamadas proveñen principalmente de círculos demócratas, hai republicanos como o gobernador de Vermont, Phil Scott, que están a comezar a esixir que Trump deixe o cargo, cando faltan dúas semanas para a entrega de poder.