CRTVG

Buscar

Os líderes da UE queren acelerar a vacinación en plenas dúbidas sobre as entregas de AstraZeneca

Publicado o 24/02/2021 19:53

Os líderes da Unión Europea (UE) celebran este xoves e venres un cumio virtual en que tratarán como acelerar o proceso de vacinación e as restricións ás viaxes aplicadas para evitar a propagación das novas variantes do coronavirus.

"Necesitamos acelerar con urxencia a autorización, produción e distribución de vacinas, así como a vacinación", indica o borrador da declaración conxunta que os mandatarios esperan aprobar tras o primeiro día da videoconferencia, dedicado á crise sanitaria.

O texto tamén insiste na importancia de mellorar a capacidade de detección das variantes para controlar a súa expansión e apoia o traballo da Comisión Europea (CE) coa industria e os Estados membros para aumentar a capacidade de produción de vacinas e para "axustar" as inxeccións ás novas mutacións "segundo sexa necesario".

"As empresas deben garantir a previsibilidade da súa produción de vacinas e respectar os prazos de entrega contractuais", reza o escrito. Así mesmo, advírtese de que a situación epidemiolóxica segue sendo "grave" e recálcase que as variantes "expoñen desafíos adicionais". "Por tanto, debemos manter estritas restricións á vez que intensificamos os esforzos para acelerar a subministración de vacinas", asume a declaración. 

O cumio celébrase cando xorden dúbidas sobre se AstraZeneca entregará no segundo trimestre as doses que pactara coa Comisión. Bruxelas pedira o martes aos países incrementar a súa capacidade de vacinación no segundo trimestre para poder aproveitar os 300 millóns de doses que espera recibir entre abril e xuño. Segundo o prognóstico "máis recente" sobre a entrega de vacinas da covid-19 no segundo trimestre, a farmacéutica anglo-sueca "pretende" cumprir co seu contrato coa Comisión Europea, dixo un portavoz da empresa, #ante a información da axencia Reuters de que AstraZeneca volverá entregar menos da metade das doses entre abril e xuño, o que sería un novo incumprimento que se sumaría ao do primeiro trimestre.

Nese contexto, os líderes de España, Bélxica, Dinamarca, Lituania e Polonia chamaron a aumentar a capacidade para producir vacinas na Unión Europea ante os atrasos rexistrados no inicio das campañas de inmunización, nunha carta dirixida ao resto de xefes de Estado e de Goberno comunitarios.

"A nosa mensaxe clave hoxe é que necesitamos urxentemente integrar e dirixir estratexicamente a nosa cadea de valor para impulsar as capacidades de produción de vacinas en Europa", di a misiva, destinada tamén ao presidente do Consello Europeo, Charles Michel. Ademais, avoga por dar apoio aos produtores con sede en Europa no caso de que xurdan problemas inesperados na produción e considera que "as instalacións de produción existentes terán que ser adaptadas" e que "terán que construírse outras novas".

 

Noticias web

24/02/2021